Sunday 05 de May de 2024

Comeza a 34 edición do Noroeste Estrella Galicia


● No escenario Nonito Pereira (Praza de María Pita) actuarán Los Zigarros e Triángulo de Amor Bizarro, mentras que no escenario Jaime Manso (Santa Margarida) o farán Combo Paradiso e Rulo y la Contrabanda, ao mesmo tempo que Bastards on Parade e Bala no Parque Europa.

● O primeiro concerto será no Campo da Leña coa actuación de Mad Martin Trio ao mediodía e Sound Sisters a media tarde.

● O acontecemento conta cun protocolo de prevención da COVID-19: control de accesos, puntos de hixienización, distancia entre cadeiras…

Mañá arrinca a 34 edición do Festival Noroeste Estrella Galicia que, un ano máis, encherá de música o verán coruñés. A primeira das tres xornadas do evento será mañá (6 de agosto). As entradas para os oito concertos do venres agotáronse o día que se puxeron á disposición do público en poucas horas.

Esta nova edición estará marcada polas medidas sanitarias para facer fronte á situación que estamos a vivir. O Festival Noroeste Estrella Galicia conta cun protocolo de prevención da COVID-19 que debera ser respectado en todo momento polo público: o acceso aos concertos será de balde, pero a través dunha reserva que lles dará paso ao recinto desde unha hora antes da súa celebración.

O público deberá ter posta máscara durante todo o espectáculo e respectar a distancia de seguridade (1’5m) marcada entre localidades (a excepción de persoas con mobilidade reducida ou que por motivos similares precisen acompañante). Os recintos que acollerán os espectáculos baleiraranse entre concerto e concerto para proceder á desinfección de elementos como os asentos.

Homenaxe a Jaime Manso e Nonito Pereira

Este ano mantéñense dous escenarios con nome propio, homenaxeando a Nonito Pereira, situado na praza de María Pita, e o Jaime Manso, con sede no Parque de Santa Margarida.

Os nomes non son casualidade, corresponden a dous importantes persoeiros da industria musical coruñesa que nos deixaron hai dous anos e cuxas figuras o Concello da Coruña quere homenaxear deste xeito.

Xornada de inauguración no Campo da Leña

No primeiro dos escenarios comezarán Mad Martin Trio ás 13:00 horas. Subirán ao escenario do Campo da Leña para presentar un novo traballo que se poden atopar temas propios e algunhas versións como “Tornado”, de Jiants, que non só dá título ao disco senón que é unha das favoritas da banda. A actuación servirá para abrir boca nese escenario que ás 19.00 horas acollerá a actuación de Sound Sisters. Os lucenses suman ao forte carácter da selección musical do repertorio, súmanse os ritmos do funky e do hard rock que deixan unha pegada máis singular nas súas cancións.

O mellor da escena independente preside o escenario Nonito Pereira

Inmediatamente despois, e de maneira simultánea nos tres escenarios restantes, poderase disfrutar do mellor rock a partir das 20.00 horas con Los Zigarros no Escenario Nonito Pereira (Praza de María Pita). Adrenalina, paixón e rock & roll é a mellor definición da banda valenciana, ao que lle hai que sumar un potente directo acompañado de imaxe e actitude. Mañá venres presentarán no Noroeste Estrella Galicia o seu novo traballo, “Apaga la Radio”. A eles seguiranlle un dos pratos fortes desta edición: Triángulo de Amor Bizarro. A banda de orixe coruñesa postúlase coma unha das máis recoñecidas na escena independente iberoamericana e porá sobre as táboas asentadas en María Pita o seu novo traballo de título homónimo lanzado durante o confinamento. Falan do LP coma o traballo que define a causa de que dediquen a súa vida á música.

Soul e rock nacional no Jaime Manso

A xornada avanzará en paralelo no escenario Jaime Manso situado en Santa Margarida, sendo este inaugurado por Combo Paradiso. Catro dos máis grandes músicos do soul e rock nacional, Juan Zelada, Julián Maeso, Adrián Costa e Alberto Anaut, forman o mellor combo imaxinable na escena nacional cun novo e refrescante punto de vista que reflexan nun primeiro traballo con cancións propias, músicas latinoamericanas, cun idoma común e cunha linguaxe musical propia. A eles seguiránlle ás 22.30 horas, Rulo y La Contrabanda, un artista que continúa ao fronte dunha banda que non parou pese as complicacións vividas nestes últimos tempos. En 2011 forma Rulo y La Contrabanda e ao longo da súa carreira publicou 4 discos de estudo e dous en directo, “Basado en hechos reales”, reeditado a finais do ano pasado e no que segue desbordando verdade, e iso, nos tempos que corren, é sumamente bonito.

Punk local para pechar a primeira xornada no Parque Europa

Pola súa banda, o escenario do Parque Europa recibirá en primeiro lugar a actuación de Bastards on Parade, é unha banda de punk celta formada na Coruña con dez anos de traxectoria. A mestura de punk rock clásico coa música tradicional galega foi a súa marca de identidade, así coma unha narrativa baseada na clase traballadora, o compromiso social e a cultura celta de Galicia. A prensa especializada a nivel internacional, incluíu os seus traballos nas listaxes dos mellores discos do ano, e o seu último traballo, “Cara a liberdade” é o primeiro integramente en galego, consolidando a identidade do grupo e dando máis autenticidade ao seu traballo.

Ás 22:30 horas collerá a testemuña Bala, a extraordinaria composición do dúo formado por Anxela Baltar e Violeta Mosquera. Unha banda que combina sons que recordan ao rock intenso dos 90, con influencias que van dende o grunge ao stoner, pasando polo hardcore e o punk e coa contundencia de dúas voces moi distintas. Presentan “Maleza”, un novo traballo que non fai máis que confirmar que estamos ante unha das bandas de rock máis importante do momento, dentro e fóra de España.

Esta primeira xornada demostra que un festival coma o Noroeste Estrella Galicia é necesario Coruña, non só pola diversidade musical dos concertos enmarcados dentro do festival, senón tamén porque reafirma que a cultura é segura.